martes, 19 de marzo de 2013

Jonathan Swift: Unha humilde Proposta



Editorial Trifolium publica o ensaio Unha humilde proposta, do que é autor Jonathan Swift, traducido directamente do inglés ao galego por Mª Fe González Fernández.



Sinopse

Sen dubida, o estilo do escritor irlandés Jonathan Swift, austero e directo, acada os seus mellores resultados na sátira, xénero que sempre cultivou e no cal demostrou os seus inmensos dotes imaxinativos para a crítica social.

Considerado un dos mestres da prosa en inglés e un dos máis apaixonados satirizadores da loucura e a arrogancia humanas, os seus numerosos escritos políticos, textos en prosa, cartas e poemas teñen como característica común o uso dunha linguaxe efectiva e directa, coa ironía e o sarcasmo como elementos clave no estilo da súa escritura. Entre 1724 e 1725 Swift publicou anonimamente unha serie de panfletos a favor da moeda irlandesa, como Drapier´s letters, que significaron a revogación do permiso para acuñala e, anos máis tarde, en 1729, A modest proposal, unha humilde proposta na que ironizaba sobre a posibilidade de vender os fillos dos irlandeses pobres como alimento para os ingleses ricos, polo ben da patria e de ambas as dúas clases sociais. A proposta foi altamente criticada pola súa crueza literaria, incomodando as altas esferas da monarquía pola crítica e desaprobación  que había nas políticas que levaron a Irlanda a unha situación de deplorable miseria.

Por estas obras Jonathan Swift sería considerado máis adiante como un heroe do nacionalismo irlandés.

Autor

Jonathan Swift (1667-1745). Escritor irlandés, estudou Teoloxía no Trinity College de Dublín e, tras estoupar a guerra civil, se trasladou a Inglaterra como secretario do diplomático Sir William Temple.

As malas relacións co seu protector levárono de novo a Dublín, onde se ordenou sacerdote en 1694. Despois de traballar un ano na parroquia de Kilroot, e reconciliado con Temple, regresou a Londres para participar activamente na vida política, relixiosa e literaria da cidade.

A habilidade como satírico de Swift se evidencia nos seus primeiros libros: The Battle of Books, onde ridiculiza as discusións literarias en voga adoptando unha posición favorable aos clásicos, e Tale os a Tub, sátira sobre a presunción e hipocresía na relixión e na literatura. Entre 1724 e 1725 publicou unha serie de panfletos como Drapier´s letters e A modest proposal, obras polas que sería considerado como un heroe do nacionalismo irlandés.

A obra que indiscutiblemente asegurou a Swift a gloria literaria foi a súa novela Gulliver´s Travels, sátira imaxinativa e pesimista da sociedade que se convertiría, curiosamente, nun éxito da literatura infantil.

Ficha técnica

Título: Unha humilde proposta
Autor: Jonathan Swift
Tradución: Mª Fe González Fernández
ISBN: 978-84-940297-2-1
Páxs.: 52
PVP: 10,00 €

Títulos publicados na colección Musa Pedestris

A               José Luis L. Aranguren: O ocio e a diversión na cidade
B                Felipe Alaiz: Arte de escribir sen arte
C                Bertrand Russell: Eloxio da ociosidade
D               Noam Chomsky e Michel Foucault:  A natureza humana: xustiza versus poder
E                Paul Lafargue: O dereito á preguiza
F                Bertrand Russell: Por que non son cristián
G               Marcel Proust: Sobre a lectura seguido de Días de lectura
H               José Luis Sampedro: O mercado e a globalización
I                 Robert L. Stevenson : Apoloxía dos ociosos
L                Federico Mayor Zaragoza: Delito de silencio      
M              Jonathan Swift: Unha humilde proposta
N               Antonio Gamoneda: Estética e temporalización do Camiño Xacobeo
Ñ               Antonio Gamoneda : Fonación, palabra e escritura, pensamento poético

No hay comentarios:

Publicar un comentario